Tuesday 21 de May de 2024

Tres rapaces do concello de Ordes lanzan unha campaña de apoio ao sector lácteo


Sabela, Paula e David invitan a todos os nenos e nenas a tomar cada día unha cunca máis de leite galego para seguir medrando

A preocupación dos gandeiros e gandeiras pola crise que atravesa o sector vai máis aló dos límites das mesmas explotacións, estendéndose entre os seus achegados, amizades, familiares e a sociedade concienciada co rural galego. Claro exemplo disto son Sabela e Paula Suárez e David Viqueira, tres rapaces vinculados ao Concello de Ordes que, despois de moitos meses vendo como ao seu arredor a preocupación e as accións reivindicativas van en aumento decidiron poñerse mans á obra e facer algo para axudar.

Despois de cavilar e cavilar durante un tempo chegaron á conclusión de que o mellor xeito para que as persoas dedicadas á produción láctea gañen máis cartos é aumentar o consumo deste produto. Partindo desta idea decidiron invitar a todos os nenos e nenas de calquera lugar a que tomen unha cunca máis de leite galego cada día. Así, coa axuda do deseñador gráfico Xosé Rivera e do creador da páxina web tractorgalicia.com, Roberto Suárez, plantáronse coas súas cuncas nun lugar tan emblemático como a praza do Obradoiro para lanzarlle ao mundo enteiro a mensaxe: ‘O leite galego fainos medrar’.

Calquera particular, asociación, firma comercial ou colectivo que queira empregar o cartel sen fins comerciais en calquera soporte poderá facelo sen necesidade de solicitar permiso, xa que se trata dun traballo de libre distribución e utilización, con licenza copyleft. Entre estes xa se atopan tanto o Concello de Ordes como a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, que a partir de hoxe xa están a difundila a través das súas páxinas web e redes sociais.